Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Cultura

O reto de Credencial Gastro converte os selos de calidade alimentaria galegos en protagonistas do Magosto de Boqueixón

9 de novembro de 2026

O ximnasio municipal do Forte quedou pequeno para acoller o tradicional magosto do Concello de Boqueixón, celebrado na tarde-noite deste venres e que este ano contaba co engadido da actividade “Credencial Gastro”. Así, en apenas dúas horas se esgotaron tanto as castañas asadas como os 400 petiscos previstos para a actividade.

Un evento que contou coa participación do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen destacou que “estamos nunha época do ano moi fermosa para desfrutar das castañas, da boa compaña e desas tradicións que manteñen vivas as nosas xentes”, como amosa o feito de que ao magosto do venres organizado polo Concello no Forte seguiran os das parroquias da Granxa e Loureda durante a fin de semana, organizados pola Asociación de Mulleres de A Granxa e a comisión de festas de Loureda, respectivamente.

Credencial Gastro

No caso do Forte, as castañas asadas estaban acompañadas por unha degustación gratuíta e un reto de cata enmarcados no programa O Teu Xacobeo, organizado pola Xunta de Galicia e coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Un gran número de veciños e veciñas de Boqueixón, tanto adultos como os máis pequenos, afrontaron o desafío de atopar os selos de calidade que se agochaban detrás de cada petisco, polo que recibiron cadanseu agasallo.

Así, cada participante elixía unha credencial (carne, mariñeira, vexetal ou doce) e debía identificar os tres produtos con selo de calidade que incluía cada elaboración. No caso do Forte, a tapa de carne era unha tosta de Lacón Galego IXP, con Grelos de Galicia IXP e redución de viño Mencía da DOP Ribeiro. O petisco mariñeiro era unha merluza de Celeiro rebozada con Pan de Cea IXP e ovos ecolóxicos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), servida cunha crema de apio nabo e queixo San Simón da Costa DOP.

A tapa vexetal foi un risotto con Grelos de Galicia IXP, verduras co selo de CRAEGA e queixo Arzúa-Ulloa DOP. Finalmente, o petisco doce foi un cremoso de chocolate con crema de Augardentes de Galicia (Indicación Xeográfica), aceite de oliva de Artesanía Alimentaria e Castaña de Galicia IXP.

Unha proposta que busca fomentar entre o público o coñecemento e recoñecemento dos selos de calidade diferenciada, que ofrecen garantías sobre a orixe e as características dos produtos, ao tempo que se pon en valor o traballo dos produtores e elaboradores galegos e a súa vinculación co territorio.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo