O Concello de Boqueixón vén de adxudicar a renovación un total de 232 luminarias do alumeado público para mellorar a súa eficiencia enerxética. “Esta será a primeira de varias actuacións que se acometerán co fin de acadar a total renovación dos máis de 2.700 puntos de luz distribuídos por todo o municipio”, indica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín.
Esta primeira actuación conta cun orzamento de preto de 130.000 euros e a empresa Setga SLU será a encargada de acometer os traballos. Está acollida á liña de axudas a proxectos de Economía Baixa en Carbono promovidos por Entidades Locais, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e xestionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), co obxectivo de conseguir unha Economía máis limpa e sostible. Do montante total do orzamento, o Concello aportará un 20%, mentres que o resto será asumido polo IDAE.
As obras comprenderán a renovación das instalacións de alumeado nas rúas e interior de núcleos rurais. Os núcleos nos que se levarán a cabo os traballos son O Forte (nos arredores da Casa do Concello), Ardesende, Camporrapado, Villalapaz e a Ponte, entre outros. O prazo de execución dos traballos estímase en seis meses.
As luminarias actuais serán substituídas por outras LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética. O proxecto tamén prevé a reposición de 6 cadros de mando dos 130 existentes para adaptalos á normativa vixente nesta materia. “Deste xeito, estímase un aforro enerxético dun 68% nas instalacións afectadas por estas obras”, concreta o rexedor.