
A casa da cultura de Camporrapado acolleu o pasado sábado a VIII Xornada de sensibilización en violencia contra a muller, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón. Unha xornada que estivo presidida pola concelleira de Igualdade, Ángela Conde, quen puxo en valor este tipo de iniciativas para “reflexionar, compartir experiencias e, sobre todo, reafirmar o noso compromiso cunha sociedade más xusta, máis igualitaria e libre de violencia contra as mulleres”.
Neste sentido, puxo en valor o labor que se desenvolve no CIM de Boqueixón, que este ano cumpre 20 anos dende a súa posta en marcha e que tamén presta servizo nos municipios de Touro e de Vedra dende os anos 2007 e 2018, respectivamente.
Xornada
A directora do CIM, Cristina Carbajales, foi a encargada de presentar a charla “Sementes de cambio: erradicando a violencia sexual”, impartida por María Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de igualdade. Unha ponencia na que Mercado Torres fixo fincapé nas distintas formas de violencia contra a muller, especialmente a través das novas tecnoloxías, e na que salientou “o consentimento sexual é sempre libre, afirmativo, específico, consensuado, reversible e entusiasta”. Así mesmo, compartiu coas persoas presentes información sobre materiais divulgativos e de consulta, tanto bibliográficos como online.
Acto seguido tivo lugar un recital poético-musical a cargo da poeta Ana Valín e a cantautora María Carolina, presentadas por Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón. Ana Valín, escritora de Vedra, recitou algúns poemas do seu libro “En las latitudes de un miedo políglota”, que moitas das persoas presentes puideron mercar e levar asinado para casa. Pola súa banda, a cantautora coruñesa María Carolina aproveitou para presentar un adianto do seu primeiro disco, que será dado a coñecer a finais deste mes.
A música correu a cargo de Raiola, grupo de pandeireteiras da Asociación Manuel Gacio. O acto estivo organizado polo CIM de Boqueixón, en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdad, ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Resto da programación
Os Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra presentarán esta mesma semana a súa campaña de sensibilización, denominada “As túas palabras constrúen”, e que desenvolverán para conmemorar o 25N. A campaña será presentada polos tres alcaldes na biblioteca municipal de Vedra este mércores 18 de novembro, ás 10:00 horas.
A maiores, ese mesmo 25 de novembro a rapazada do CRA Boqueixón-Vedra visitarán o auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado para asistir a unha actividade con perspectiva de xénero a través da obra teatral “Vicky e a felicidade”, da compañía Bandullo Azul. Ese mesmo día, os nenos e nenas de Infantil e de Primaria do CPI Antonio Orza Couto, traballarán tamén no libro violeta de Boqueixón, presentado o ano pasado, e no que se introduciron mensaxes de reflexión, apoio e solidariedade na loita contra a violencia machista.



