A SD Compostela foi o equipo gañador do IV Torneo F11 Sub12 Vedra Boqueixón ED, xogado o pasado sábado en tres campos municipais: O Forte (Boqueixón) e Manuel Silva e O Coto (Vedra). Neste último campo tivo lugar a gran final, que enfrontou a dous equipos invictos durante todo o torneo: a SD Compostela e a SD Villestro, que finalmente se decantou polos composteláns por un contundente 3-0 que non é reflexo da igualdade que houbo sobre o terreo de xogo ata os últimos minutos.
Nesta cuarta edición do torneo tomaron parte un total de 12 equipos, divididos en tres grupos de catro conxuntos que xogaron tres partidos durante a mañá do sábado, onde se decidiron as clasificacións para a fase final da tarde. Así, no Forte competiron do 12º ao 9º (posto gañado pola Escola de Fútbol de Silleda), no Manuel Silva xogaron do 8º ao 5º (posto gañado polo Ourense CF) e no Coto desputou do 4º ao 1º posto, con entrega de premios.
Os alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e Vedra, Carlos Martínez, presidiron a entrega de trofeos, un acto no que estiveron acompañados por concelleiros de ambos municipios e por un convidado moi especial: Donato Gama da Silva, ex-xogador do Deportivo da Coruña. O brasileiro foi o centro de atención de todas as miradas, tanto dos máis novos como dos veteranos, e estivo presente no Coto debido ao acordo asinado entre a Escola Donato Tecnificación e a Escola Deportiva Vedra-Boqueixón para ser sede do IX Campus Donato, que terá lugar do 29 de xuño ao 3 de xullo para rapaces e rapazas de entre 6 e 15 anos.
Tras a SD Compostela e a SD Villestro, os locais das Escolas Deportivas Vedra-Boqueixón conseguiron un máis que meritorio terceiro posto, vencendo na final de consolación á ED Xuventude Oroso. Dende a organización agradeceron a colaboración das máis de 80 persoas voluntarias que fixeron posible este torneo, na súa maioría mozos e mozas. Un campionato que rexistrou este ano tamén un récord de participación, con máis de 200 nenos e nenas xogando nos tres campos de Boqueixón e Vedra.



