O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de solicitude da convocatoria do programa “Ponlle música 2026”, unha iniciativa dirixida ás entidades e grupos de música tradicional do municipio que ten como obxectivo contribuír á difusión, promoción e posto en valor da música e do folclore local ao longo deste ano.
A través desta liña de subvencións, os grupos e entidades musicais de Boqueixón poderán solicitar axudas para financiar actuacións de música e/ou baile tradicional nas distintas festividades e eventos que se organicen nas parroquias de Loureda, Lamas, Vigo, Gastrar, Boqueixón, Oural, A Granxa, Ledesma, Pousada, Donas, Sucira, Sergude, Lestedo e Codeso.
Condicións e período de execución
O período de execución das actividades subvencionables comprenderá do 1 de xaneiro ao 15 de novembro de 2026, con independencia da data na que se conceda a subvención e se faga efectivo o pago. As actuacións deberán desenvolverse no marco de eventos nas parroquias que non sexan organizados polo propio Concello.
Cada entidade ou grupo poderá solicitar ata un máximo de 375 euros de axuda por cada actuación, cun límite de ata 5 actuacións por entidade, sempre que se realicen en diferentes parroquias do municipio. Non serán subvencionables os gastos de actuacións de agrupacións artísticas incluídas na Rede Cultural da Deputación ou noutros programas doutras administracións públicas.
Presentación de solicitudes e prazo
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde hoxe, 31 de xullo, ata o vindeiro 30 de agosto de 2026.
As solicitudes, que deberán cumprimentarse no modelo oficial facilitado polo Concello, xunto coa restante documentación requirida, deberán presentarse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica do Concello de Boqueixón, onde xa están dispoñibles todos os formularios e modelos de declaración responsable.