A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo comprobaron as melloras realizadas no local social de Lestedo, coas que a Xunta colaborou con máis de 31.400 euros a través da Orde de infraestruturas de uso público do ano pasado. Unha visita na que estiveron acompañados polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e os concelleiros de Servizos e Obras, Manuel Fernández Munín; Facenda, Servizos Xerais, Mantemento e Limpeza, José Manuel Iglesias Gómez; e Industria, Turismo e Desenvolvemento Local, José Luís Mareque Simón.
Este apoio, segundo explicou Natalia Prieto, contribuíu á execución das obras de conservación e arranxos previstos no local. Por unha parte, na planta baixa, mellorouse a insonorización, substituíronse as portas exteriores e algunhas ventás, mentres que na segunda planta cambiáronse varias carpintarías e colocouse un novo pavimento.
O alcalde de Boqueixón puxo en valor que «o local social de Lestedo é un dos de maior actividade no municipio, en especial durante a celebración da Festa da Filloa, de interese turístico nacional» ao tempo que indicou que estas melloras «permitiron revitalizar o uso comunitario deste local, xa que é moito máis accesible e acolledor para todas as actividades sociais». Unha actuación enmarcada no plan de mellora de locais sociais que o Concello de Boqueixón leva acometendo nos últimos anos e que permitiu a posta a punto dos distintos espazos para a reunión da veciñanza.
Orde de infraestruturas
A directora xeral de Administración Local explicou que desta Orde de infraestruturas de uso público, que na convocatoria deste exercicio mantivo o orzamento de 3,5 millóns de euros, beneficiáronse 106 actuacións relacionadas coa creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación dos servizos municipais. Trátase dunha orde dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes para apoialos en actuacións en camiños, prazas, paseos e rúas, instalacións deportivas e outros edificios destinados á prestación de servizos municipais ou redes de alumeado público.
Segundo explicou Natalia Prieto, con medidas coma estas, o Goberno galego busca atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.
Deste xeito, lembrou que esta convocatoria enmárcase no compromiso da Xunta co municipalismo, que en 2026 acada unha cifra histórica de 670 millóns de euros destinados aos concellos a través das distintas consellerías, 30 millóns máis que no exercicio anterior.
No ámbito da Dirección Xeral de Administración Local, este esforzo tradúcese nun amplo catálogo de axudas, entre as que destacan neste 2026 os 3,5 millóns de euros desta Orde de infraestruturas de uso público, os 10 millóns de euros para proxectos municipais de carácter estratéxico, os máis de 11,4 millóns do Fondo de Compensación Ambiental ou os 3 millóns do Plan de Acción Comunitaria, así como a nova liña para a adquisición de maquinaria destinada á prevención de incendios forestais, dotada con un millón de euros e cofinanciada con fondos Feder. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.
Natalia Prieto indicou que o compromiso da Xunta coas entidades locais permitiu só o pasado ano impulsar preto dun milleiro de proxectos municipais financiados a través das distintas liñas de apoio e que supuxeron un investimento global de 37,5 millóns de euros. No caso de Boqueixón, a Administración autonómica destinou nos últimos anos máis de 1 millón de euros ao impulso de diversos proxectos.

