A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá mañá pola tarde a recepción dos Reis Magos

Os Reis Magos de Oriente realizarán mañá pola tarde unha parada na Casa da Cultura de Camporrapado para encontrarse coas familias do municipio. Dada a situación sanitaria actual, ofreceranse visitas personalizadas mantendo, deste xeito, todas as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19.

Máis dun cento de persoas solicitaron xa a súa cita para ver ás Súas Maxestades de Oriente, que estarán na Casa da Cultura de Camporrapado entre as 15.00 e as 20.30 horas para escoitar as peticións das nenas e dos nenos de Boqueixón. Aínda se poden solicitar os últimos ocos libres que quedan a través do formulario en liña dispoñible na web municipal (www.boqueixon.gal).

As crianzas asistentes á recepción dos Reis Magos participarán nun sorteo de agasallos. Nel colabora, como en anos anteriores, a empresa SBC Gasolineras.

Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia de manter todas as medidas de seguridade e prevención en todas as actividades propostas para as vindeiras datas festivas. Así, serán obrigatorios o uso da máscara, o mantemento da distancia de seguridade e a limpeza de mans con xabón ou xel desinfectante.

Comparte esta nova:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

© Concello de Boqueixón 2025