O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, mantivo esta tarde unha xuntanza coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, con quen abordou os apoios da Xunta para o desenvolvemento do parque empresarial de Camporrapado. Neste sentido, compre lembrar que o Goberno galego concedeu este ano axudas por importe de case 60.000 euros para habilitación e mellora das infraestruturas deste polígono, en concreto para a mellora das súas infraestruturas viarias.
Por outra banda, na reunión tamén se abordaron as necesidades de solo empresarial da zona, e neste sentido, a conselleira aproveitou para trasladarlle o compromiso da Xunta cos concellos e co tecido empresarial galego, toda vez que a estratexia do Executivo autonómico pasa por facilitar o asentamento de novas empresas en Galicia e ampliar as que xa están instaladas, e por desenvolver solo industrial nos concellos que teñen necesidade e onde as empresas están esperando para poder asentar as súas industrias.
En total, a orde de axudas convocada neste 2025 pola Administración galega ascendeu a tres millóns de euros e beneficiou a 40 polígonos galegos, 16 deles na provincia da Coruña. Estes apoios contribúen á modernización das instalacións dos parques empresariais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Trátase de ofrecer un mellor servizo para incrementar a competitividade, favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local. A liña de axudas, que xa está pechada, está dirixida aos concellos galegos que queren realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
Ademais, segundo explicou a conselleira, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar coa Administración autonómica para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas, na que recibiron unha maior puntuación.