A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá varias actuacións de mellora de infraestruturas viarias no municipio por valor de máis de 126.000 euros. Unhas actuacións financiadas a través dos plans Camiña Rural 2025-2026 e Marco 2024-2025, promovidos pola Xunta de Galicia. Unha visita na que estiveron acompañados polo concelleiro de Facenda, José Manuel Iglesias, e a concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde.
Segundo explicou a delegada, ao abeiro do Plan Camiña Rural 25-26, Boqueixón dispón dunha achega próxima aos 70.000 euros. Estes fondos están destinados a mellorar o camiño de Donas a Engas de con tratamento asfáltico semiprofundo e posterior sinalización horizontal e das liñas do bordo e o viario de Donas co límite de Vedra, dividido en dous treitos, nos que tamén se aplicará un tratamento asfáltico. Durante a visita, a delegada puido comprobar sobre o terreo o resultado dos traballos xa executados no 2025.
A este investimento súmase o correspondente ao Plan Marco 2024-2025, que destinou ao concello máis de 59.000 euros para a posta a punto de 3 camiños rurais, incluíndo un tramo en O Tesouro de 960 metros e 100 metros cadrados de abanicos, con tratamento asfáltico e os abanicos en zahorra e instalouse unha sinal de STOP; o acceso a Casalpeguito con abanicos, no que se repararon os baches, se asfaltou e se colocou tamén unha sinal de STOP e finalmente e o viario de Casal con abanicos no que tamén se levou a cabo o seu asfaltado.
As achegas que reciben os municipios desta orde parten dunha contía fixa por concello, á que se engaden incrementos en función de factores como o número de entidades de poboación, o carácter agrario da zona ou aspectos relacionados coa superficie e a situación xeográfica.
Estas actuacións teñen como obxectivo reforzar as infraestruturas rurais como ferramenta para avanzar na cohesión social e territorial, favorecendo unha mellor calidade de vida e unhas condicións de traballo máis axeitadas no medio rural. Neste sentido, Belén do Campo destacou que os camiños rurais son elementos clave para mellorar a accesibilidade, estruturar o territorio, impulsar a actividade económica e contribuír á fixación de poboación.
A delegada subliñou tamén que programas como estes amosan a aposta continuada da Xunta polo desenvolvemento equilibrado do rural galego. As axudas cobren o 100 % dos gastos subvencionables, que inclúen actuacións como o ensanche de vías para aumentar a seguridade, o reforzo de firmes, a adecuación de pasos sobre cursos de auga ou o acondicionamento das marxes.
Durante a visita, a representante do Goberno autonómico avanzou ademais que o orzamento da Consellería do Medio Rural para 2026 volverá reservar unha partida relevante ás infraestruturas rurais. En concreto, o Plan Camiña Rural contará con 17,7 millóns de euros co fin de seguir apoiando aos concellos na mellora e ampliación da rede viaria municipal.
Plan Camiña Rural 25-26
O Plan Camiña Rural beneficiou, no período 2025-2026, aos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra da comarca de Santiago por un importe total de máis de 373.000 euros.
Na provincia da Coruña recibiron estes apoios 86 concellos por un importe de máis de 5,5 millóns de euros.
Plan Marco 24-25
O Plan Marco beneficiou, no período 2024-2025, aos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra da comarca de Santiago por un importe total de máis de 356.000 euros. Na provincia da Coruña recibiron estes apoios 83 concellos por un importe de máis de 5,2 millóns de euros.


