Boqueixón, 12 de agosto de 2026.- Un éxito que foi posible grazas a un dispositivo sen precedentes implantado nos últimos meses que permitiu ter ata 8 tractores traballando de xeito simultaneo para poñer a punto as vías e estradas de Boqueixón. “Por primeira vez, todo o concello de Boqueixón está ao 100% rozado e limpo antes do mes de agosto”, destaca con orgullo o alcalde, Ovidio Rodeiro, quen explica que “deste xeito melloramos a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas e avanzamos na prevención de lumes en todas as parroquias”.
Algo que non é sinxelo, toda vez que Boqueixón conta cunha superficie de 73 km2, cunha poboación moi dispersa e cunha extensa rede de máis de 250 quilómetros de pistas municipais que comunican os núcleos rurais. Os traballos comezaron polas parroquias de Codeso, Donas, Loureda, Gastrar, Pousada, Oural, Sucira e Ledesma, que quedaron limpos xa ao inicio do verán. Os dous tractores municipais encargáronse durante xullo de rozar a parroquia de Lestedo, mentres outros catro se encargaban de Boqueixón e A Granxa e dous máis en Lamas, pechando Vigo as actuacións. Simultaneamente, dous tractores encargáronse de rozar pistas de monte en A Granxa, Codeso, Boqueixón e Lestedo.
Convenio para comprar un equipo profesional de roza
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, asinaron un convenio para financiar a adquisición dun novo equipamento profesional de roza para o municipio. O investimento ascende a 269.272,07 euros, dos que a Deputación achegará o 80% e o resto será asumido polo Concello. O alcalde explica que a nova maquinaria permitirá realizar os traballos de roza con maior rapidez, seguridade e autonomía, reducir custos e prestar un mellor servizo en todas as parroquias
