O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e a directora xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, participaron esta mañá no acto de replanteo da primeira fase das obras de mellora de itinerarios peonís en Lestedo, adxudicadas por 383.521 euros á empresa Francisco Gómez y Cía SL. Un acto no que estiveron acompañados por técnicos da Xunta de Galicia e o director de obra.
Unha actuación que se desenvolverá ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta e que será financiada nun 70% polo Goberno galego, que executará as obras, e nun 30% polo Concello de Boqueixón, que se encargará do seu mantemento e conservación. As obras inclúen traballos para a integración urbana das vivendas situadas nunha área de 5.000 m2 na entrada de Lestedo con intervencións en dous puntos: a rúa Castrelo e a avenida do Vinteseis.
Na rúa Castrelo renovarase a beirarrúa e instalarase un bordo. Na marxe dereita construirase unha senda peonil de 120 metros de lonxitude para garantir a seguridade. Tamén se renovará a capa de rodaxe do viario municipal neste treito e se substituirá a sinalización.
Na avenida do Vinteseis actuarase sobre un treito que antes era a antiga Nacional. Regularizaranse as zonas de aparcamento, que están sen dotar adecuadamente, crearanse itinerarios peonís para que toda a veciñanza poida transitar con cadeiras de rodas e dotarase de novo alumeado público a zona. Tamén se renovará a rede de pluviais e soterraranse integramente as redes de telefonía e de electricidade. Finalmente, instalarase unha pequena zona de lecer na zona, coa plantación de árbores e instalación de mobiliario urbano.

