O Concello de Boqueixón informa de que o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, abre o prazo de inscrición para unha serie de accións formativas oficiais de Formación Profesional (FP) destinadas prioritariamente a persoas en situación de desemprego.
Trátase de titulacións oficiais con validez en todo o Estado que representan unha oportunidade idónea para aquelas persoas que buscan un futuro profesional estable, altamente demandado e ben remunerado no sector tecnolóxico. Toda a formación é completamente gratuíta.
Catro cursos de Grao C de FP (Certificados Profesionais) darán comezo de xeito inminente ao longo de setembro e outubro:
- IFCD0112 – Programación con linguaxes orientadas a obxectos e bases de datos relacionais (Grao C de FP): Dirixido a adquirir competencias en desenvolvemento de software e bases de datos. Permite convalidar módulos de ciclos de FP como ASIR, DAM e DAW. Comeza o 14 de setembro. Máis información no enlace do curso IFCD0112.
- IFCD0210 – Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web (Grao C de FP): Formación que combina a lóxica da programación co deseño estético e visual da web. Convalidable con módulos de DAW e ASIR. Comeza o 21 de setembro e o prazo de inscrición remata o 8 de setembro. Máis información no enlace do curso IFCD0210.
- IFCT0510 – Xestión de sistemas informáticos (Grao C de FP): Orientado á xestión, resolución de problemas e seguridade en infraestruturas tecnolóxicas modernas. Convalidable con módulos de ASIR. Comeza o 30 de setembro e o prazo de inscrición finaliza o 15 de setembro. Máis información no enlace do curso IFCT0510.
- IFCT0210 – Operación de sistemas informáticos (Grao C de FP): Deseñado para perfís interesados no soporte técnico, instalación, mantemento e seguridade de sistemas e hardware. Convalidable con módulos do ciclo medio SMR. Comeza o 8 de outubro e as inscricións están abertas ata o 23 de setembro. Máis información no enlace do curso IFCT0210.
Ademais, o centro impartirá 2 Graos B de Formación Profesional, orientados a obter certificados de competencia parcial.
Requisitos de acceso e información
Ao tratarse de formación oficial de Nivel 3, cómpre contar co título de Técnico, Técnico Superior, Bacharelato ou equivalente, ou ben posuír outro certificado profesional do mesmo nivel ou de nivel 2 da mesma familia.
Inscricións / máis información:
- cnt@xunta.gal
- Presencialmente: Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. Rúa Airas Nunes, s/n (Conxo). 15702 Santiago de Compostela.