A Feira de Lestedo acollerá este domingo 6 de setembro, a partir das 11:00 horas, o proxecto «O Noso Camiño», una iniciativa artística e participativa impulsada polo fotógrafo Adolfo Enríquez que percorre distintos municipios dos Camiños de Santiago en Galicia recollendo, en primeira persoa, as impresións de peregrinos e veciños sobre o terreo.
O proxecto parte da idea de que as guías turísticas adoitan documentar o máis evidente, o doado de ver, pero deixan fora boa parte do que realmente define un lugar. Para encher ese baleiro, «O Noso Camiño» instala en cada parada varias fichas de gran formato, cada unha cunha pregunta distinta sobre a experiencia no Camiño. Calquera persoa pode escribir a súa resposta e encaixala na estrutura, que se vai completando ao largo da xornada ata formar unha escultura colectiva e orgánica, distinta en cada un dos municipios polos que pasa o proxecto.
Todas as respostas recollidas en cada parada servirán de inspiración a Adolfo Enríquez, referente internacional da fotografía profesional e primeiro español en lograr a Cámara de Ouro dos One Eyeland Awards, para elaborar un libro fotográfico sobre os Camiños de Santiago en Galicia. A publicación editarase en formato dixital, de acceso gratuíto, e estará dispoñible na web do proxecto: onosocamino.com.
Desde a organización animan a participar a todos os veciños e veciñas de Boqueixón, non so peregrinos, xa que a actividade está aberta a calquera persoa que viva, coñeza ou transite polo territorio, sen necesidade de estar facendo o Camiño nese momento.
«O Noso Camiño» está cofinanciado pola Xunta de Galicia dentro do programa «O Teu Xacobeo», no marco das actividades de dinamización previas á celebración do Ano Santo Xacobeo 2027.