
O Concello de Boqueixón celebra a concesión dunha quinta casa do maior a unha emprendedora do municipio e que se emprazará no local social de Loureiro, na parroquia de Pousada. Un inmoble ofrecido en setembro de 2025 polo Concello de Boqueixón para acoller unha nova casa do maior que dera servizo á veciñanza de Pousada e das localidades próximas.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, sinala que a apertura desta nova casa do maior en Loureiro “é unha excelente oportunidade para seguir ampliando os servizos de atención ás persoas maiores no noso municipio, facilitando que poidan permanecer na súa contorna habitual, preto das súas familias e da súa veciñanza. Dende o Concello quixemos colaborar e puxemos a disposición das persoas emprendedoras de Boqueixón os recursos dos que dispoñemos para favorecer a creación deste tipo de servizos e, finalmente, a proposta foi aprobada pola Consellería de Política Social e Igualdade”.
Agora ábrese un prazo de dous meses para que a emprendedora, Adriana Vázquez Fernández, achegue toda a documentación prevista na convocatoria, así como para acreditar a dispoñibilidade do inmoble. A axuda concedida pola Xunta de Galicia ascende a 53.429, 68 euros.
Cinco casas do maior
Con esta nova incorporación, Boqueixón suma xa cinco casas do maior no seu territorio, o que supón un total de 25 prazas para persoas de máis de 60 anos, tendo preferencia aquelas que teñan recoñecidos graos I ou II de Dependencia. O prezo é totalmente de balde, tanto do servizo como do desprazamento, xa que está financiado pola Consellería de Política Social. O xantar ten un prezo de 7 euros. O seu horario de atención é diúrno, durante 8 horas de luns a venres. Os Servizos Sociais de Boqueixón serán os encargados no seu momento de tramitar as solicitudes de praza na nova casa do maior.
Ademais, é a segunda ocasión na que a colaboración do Concello de Boqueixón resulta fundamental para a posta en marcha deste tipo de iniciativas, xa que en 2025 o Concello cedeu o uso dun local na Casa da Cultura de Camporrapado para que Jessica Moreiro Acebedo e Jessica Lirio, puxeran en marcha “Casa Aloumiños”, na parroquia de Oural. Ese mesmo ano botou andar “Fogar de Lamas”, promovido por Nerea Barreiro Ferreiro no lugar de Outeiro, parroquia de Lamas.
As outras dúas casas do maior operativas no municipio son a “Casa do Maior de Carabán”, na parroquia de Vigo, promovida por Beatriz Mella Pazos a principios de 2024; e a “Casa do Maior Lodeiro”, a primeira do municipio, posta en marcha na parroquia de Loureda pola emprendedora Marta Renda Guillán a principios de 2021.
