
O Consello da Xunta acordou a aprobación provisional, para avanzar na próxima información pública, do proxecto de construción dunha senda de uso compartido peonil-ciclista na estrada AC-960, no treito comprendido entre os núcleos de Sergude e Rodiño Grande, no concello de Boqueixón. Esta intervención de mellora da mobilidade e da seguridade viaria, que suporá un investimento estimado de máis de 1 millón de euros, permitirá a implantación dun itinerario peonil e ciclista de uso seguro en paralelo á AC-960, pola súa marxe dereita, ao longo de algo máis de 1,3 km de lonxitude, entre os puntos quilométricos 3+120 e 4+480.
A senda proxéctase adxacente á AC-960 e mantendo o mesmo trazado que a vía autonómica, executándose a partir da ampliación da plataforma existente, de xeito que contará cun ancho de 3,4 metros, cando dispoña de franxa de xardín de 0,9 metros, e de 2,5 m cando non ten zona axardinada. A beiravía terá un ancho mínimo de 0,50 m, respectándose o ancho existente cando este é maior. Esta senda posibilitará así o enlace a pé ou en bicicleta con seguridade entre os núcleos de Sergude e o de Rodiño Grande, comunicando as beirarrúas actualmente existentes nos extremos.
Segundo o proxecto deseñado polo departamento de lnfraestruturas da Xunta, a senda iníciase baixo o viaduto do ferrocarril, onde finalizan as beirarrúas do núcleo rural de Sergude. Ao longo do percorrido, o lateral da estrada caracterízase pola presenza de diversas parcelas, algunhas con cultivos e pradarías, e outras con plantacións de árbores; tamén se intercalan algunhas vivencias unifamiliares. No punto quilométrico 4+190 sálvase o río Sarama mediante un marco de dimensións aproximadas 2,5×3 metros. Unha vez superado o río, o percorrido prolóngase ata alcanzar a senda existente en Rodiño Grande.
A Consellería de Vivencia e Planificación de lnfraestruturas prevé someter este mesmo mes de outubro este proxecto a información pública, para os efectos da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, por un período de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio. Unha vez resalta a información pública, procederase a aprobación definitiva do proxecto de construción co obxectivo de licitar e posteriormente adxudicar as obras no vindeiro ano. O prazo de execución das obras é de 10 meses. As actuacións financiaranse con cargo a fondos do programa operativo Feder 21/27.
