
O Concello de Boqueixón vén de autorizar a execución do proxecto “Reforma CT e nova LMTS para peche entre liñas STN839 e PAI802 (Boqueixón)”, presentado por Unión Fenosa Distribución. Un proxecto que suporá un investimento de 150.874,19 euros e que permitirá mellorar a calidade do subministro eléctrico no núcleo urbano de Lestedo.
A actuación executarase ao longo de algo menos dun quilómetro, en concreto dende o sur do lugar de Rubial ata o núcleo de O Vilar, pasando polas rúas da Filloa, Daniel Silva e Virxe Lurdes. As obras inclúen a unión de dúas liñas de media tensión, a procedente da subestación de Santiago e a que procede da subestación de Paizás, a través dun novo tramo de 958 metros de liña de media tensión soterrada.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, explica que esta actuación “garantirá a continuidade do subministro eléctrico, xa que se unha liña falla, a outra asume a carga. Isto permitirá reducir os cortes de subministro e, ademais, illar as fallas, permitindo cortar o tramo danado”. As obras veñen dar resposta ás demandas da veciñanza polos cortes de subministro eléctrico que se producían na zona no inverno, provocados polos temporais. Con esta actuación preténdese poñer fin a ese tipo de incidencias.
A maiores, procederase a modernizar o centro de transformación Lestedo I, onde se cambiarán o conxunto de celas 2L1P por outras celas 3L1P, que permiten acometer máis funcións e que facilitarían calquera crecemento posterior, se fose necesario.
