Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

CIM

O alumnado do CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas” protagoniza os actos polo 25N

25 de novembro de 2026

A casa da cultura de Camporrapado acolleu esta mañá unha actividade con perspectiva de xénero dirixida á rapazada do CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”. Un acto presidido polos alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e Vedra, Carlos Martínez, acompañados da directora do centro, María Elena García Iglesias; a concelleira de Igualdade de Boqueixón, Ángela Conde; a directora do Centro de Información á Muller de Boqueixón, Touro e Vedra, Cristina Carbajales; e profesorado e familias dos pequenos.

Ovidio Rodeiro fixo referencia ao título da obra que se ía representar “Vicky e a felicidade”, da compañía Bandullo Azul, e explicoulles aos pequenos que “hoxe celebramos o Día contra a violencia de xénero. Pero todos os días teñen que ser de felicidade e de amor. Queremos que, como Vicky, todos os días sexan o día da felicidade”. Un punto no que incidiu Carlos Martínez, quen salientou que “como vos explicaron as profesoras, hoxe é un día moi importante”, instando aos nenos e nenas a relacionarse “con cariño, con amizade e nunca xamais con violencia”.

Manifesto

Tras a representación, a Casa do Concello acolleu a lectura dun manifesto institucional contra a violencia de xénero no que Ángela Conde, concelleira de Igualdade, asegurou que “non hai igualdade real mentres persista a violencia machista. Non pode haber neutralizade posible ante quen a exerce, a xustifica, a minimiza ou a nega. Non se pode mirar para outro lado”.

Neste sentido, Conde Leis manifestou que “o Concello de Boqueixón, reafirma a súa máis firme condena e rexeitamento de todas as formas de violencia machista que atentan contra a liberdade, a dignidade, a seguridade e a igualdade das mulleres”. Ademais, afirmou que “o compromiso municipalista debe ser visible nos orzamentos, nos servizos, nas campañas de sensibilización, na contratación pública e en todas as decisións que contribúan a construír concellos máis seguros, igualitarios e libres de violencia”.

 

Precisamente, este ano o Concello de Boqueixón puxo en marcha a campaña de sensibilización “As túas palabras constrúen”, conxuntamente cos Concellos de Touro e Vedra. Trátase dunha iniciativa conxunta de Boqueixón, Touro e Vedra que busca dar visibilidade ao rexeitamento á violencia machista a través da recollida de mensaxes de apoio e promover reflexión da veciñanza.

Finalmente, os nenos e nenas de Infantil e de Primaria do CPI Antonio Orza Couto, traballaron esta mañá no Libro Violeta de Boqueixón, presentado o ano pasado e no que se introduciron mensaxes de reflexión, apoio e solidariedade na loita contra a violencia machista.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo