O ICTUS E O MITO DO DRAGÓN
A maxia e as tradicións ancestrais que envolven ao Pico Sacro, aínda hoxe, constitúen obxecto de estudios que abarcan as diferentes ramas do saber. Neste caso, chama especialmente a atención, un estudio realizado polo doutor especialista en Neuroloxía, don Juan Manuel Pías Peleteiro, publicado na prestixiosa “Revista de Neurología” que leva por título “Interpretación popular del ictus en la Galicia antigua: el mito del dragón”, e do que se fixo eco o diario “ El País”.
A tradición popular relata que no interior das Covas do Pico Sacro vivía un dragón alado e que aquel desgraciado que tiña a mala sorte de pasar baixo a súa sombra e, dependendo da intensidade do contacto, podería chegar a perder a visión dese ollo ou ben perder a mobilidade nas extremidades afectadas; outras versións indican que o que intentaba e conseguía atravesar o cumio, por acción da serpe comezaban a votar espuma pola boca.
O investigador Pías Peleteiro chega á conclusión de que os síntomas recollidos nos relatos populares coinciden cos do ictus.
A enorme cabeza da ilustración da dereita que representa ao dragón da “traslatio” consérvase no Museo da Catedral de Santiago e pertenceu a antiga fachada occidental da Catedral de Santiago de Compostela.