Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Cultura

As Filloas de Lestedo estarán presentes mañá en Santiago na Xornada Filloas e Viño no Camiño

28 de febreiro de 2018

As Filloas de Lestedo estarán presentes mañá na xornada Filloas e Viño no Camiño, que se desenvolverá no Salón  Obradoiro do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago. Esta iniciativa, organizada polo GDR Terras de Compostela -no que está integrado o Concello de Boqueixón- ten como principal obxectivo a creación de sinerxias entre os diferentes actores socioeconómicos para poñer en valor tanto o sector agroalimentario como o turístico dun territorio que cada ano visitan centos de miles de pelegríns e turistas, tendo o Camiño de Santiago coma elemento dinamizador da cultura, da economía e do turismo.

Esta xornada, dirixida a profesionais do sector e prescriptores, pretende amosar o potencial da gastronomía do territorio a través de diversas propostas que se desenvolverán durante toda a mañá. Tamén se aproveitará a ocasión para presentar o programa da 15ª Festa da Filloa da Pedra da Baña, que se celebrará o próximo 11 de marzo, e a 38ª Festa do Viño da Ulla, que terá lugar o 8 de abril na parroquia vedresa de San Miguel de Sarandón.

O programa de actos é o seguinte:

  • 09.30 horas: Presentación da xornada a cargo de Carlos Martínez Carrillo, presidente do GDR Asociación Terras de Compostela e alcalde de Vedra; Mónica Tomé Rey, da Asociación de Filloas da Pedra da Baña; Pascual Villaverde Núñez, da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, e Miriam Fernández Neira, da comisión organizadora da Festa do Viño da Ulla.
  • 10.15 horas. Manuel Vilar Álvarez, historiador e membro do equipo redactora da Delimitación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, impartirá a conferencia titulada Camiños de Santiago: mostrando o local para estar no global.
  • 10.45 horas. Juan José Figueroa Treus, director técnico e titor do Curso Superior de Sumiller Profesional (Instituto Galego do Viño) e copropietario da viñoteca Lume de Carozo, ofrecerá a ponencia titulada O viño no Camiño de Santiago.
  • 11.30 horas. Showcooking con Pepe Solla, membro fundador do Grupo Nove e chef e propietario do restaurante Pepe Solla. O restaurador elaborará varios pratos potenciando a maridaxe das filloas con outros ingredientes da gastronomía galega.
  • 12.30 horas. Degustación e elaboración en vivo de Filloas da Pedra da Baña e Filloas de Lestedo. Presentación da Festa da Filloa da Pedra da Baña e da Festa do Viño da Ulla.

A degustación a base de filloas da Baña e de Lestedo harmonizarase cos viños da D.O. Rías Baixas da subzona Ribeira da Ulla. Estos serán os protagonistas da Exaltación do Viño da Ulla do próximo mes de abril.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo