Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Deportes

Preto de 400 persoas participaron na Carreira Camiño das Letras, con punto de saída no Pico Sacro

17 de maio de 2018

SaidaCarreiraLetrasBoqueixon

Preto de 400 persoas entre maiores e cativada participaron esta mañá na Carreira Camiño das Letras. Unha cita que tivo como punto de partida o Pico Sacro, onde se reuniron todos os participantes para gozar dunha xornada de cultura e deporte.

SaidaCarreiraLetrasBoqueixon

A saída da Carreira Camiño das Letras foi presidida polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro  Hornillos. Os participantes na categoría absoluta, preto de 200, tomaron como punto de partida o cumio do Pico Sacro onde realizaron un simulacro de lectura de libros na honra da autora homenaxeada este ano co gaio do Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno.

A continuación, Ovidio Rodeiro deu o pistoletazo de saída a unha proba que levou aos corredores e corredoras polos tramos da Vía da Prata ao seu paso polo Concello de Boqueixón para despois continuar cara a Cidade da Cultura. A categoría absoluta implicou un percorrido de 15 quilómetros. Foi precisamente na Cidade da Cultura onde se realizou a entrega de premios aos primeiros participantes de cada categoría. Todos os galardoados recibiron entre outros detalles, diversas publicacións en lingua galega.

GanadoresAbsolutaCarreiraLetras

A entrega de premios estivo presidida tamén polo alcalde boqueixonés e polo delegado territorial da Xunta de Galicia. Os gañadores na categoría absoluta masculina foron o vedrés Miguel Iglesias Amores, do Club Deportivo Pinarium, cun tempo de 59 minutos e 55 segundos. O segundo posto foi para o dubrés Alexandre Fernández Toxo, do Club Atletismo Tambre Bike & Running, e o terceiro posto para Ricardo Villar Rodríguez, veciño de Santa Comba e corredor do Noitebra, con 1:00:29 e 1:00:58 respectivamente.

No caso da categoría absoluta feminina, a vencedora foi a compostelá Loreto Herrero Blanco, cun tempo de 1 hora, 12 minutos e 1 segundo (posto 55 na xeral). Completaron o podio feminino a arteixá Geli López Vilas, do Running Arteixo, e a amiense Shaila M. Muñiz Pérez, do Chotacabras 21K, cuns tempos de 1:14:04 e 1:15:21, respectivamente.

Coma galardóns especiais, o CPI Antonio Orza Couto recibiu o premio ao centro con meirande número de alumnos e alumnas na Carreira Camiño das Letras. O premio foi entregado Manuel Fernández Munín e Ovidio Rodeiro Tato.

ColexioBoqueixon

As clasificacións da Carreira Camiño das Letras pódense consultar a través da web www.carreiraspopulares.com.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo