A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, analizaron o proxecto para mellorar o saneamento en pequenos núcleos do concello. abordaron o proxecto municipal para mellorar a calidade deste servizo nas parroquias de Loureda, A Granxa, Donas, Vigo, Gastrar e Oural.
Nese senso, Ángeles Vázquez indicou que o persoal técnico de Augas de Galicia está a analizar o documento presentado polo concello para garantir o cumprimento dos parámetros técnico-legais necesarios para, a continuación, establecer posibles vías de colaboración entre as dúas administracións para financiar a actuación e levala a cabo.
Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta leva anos colaborando cos concellos para apoialos no exercicio das súas competencias en materia de saneamento, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.
Ademais, a conselleira incidiu en que investir en infraestruturas hidráulicas significa mellorar os servizos públicos, ao dotar á veciñanza dun servizo de maior calidade, protexer os recursos hídricos e avanzar cara a un territorio máis sostible.
