O CPI Antonio Orza Couto acolleu a primeira sesión do programa “Educar en Familia”, organizado polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública. Un programa dirixido a pais e nais con crianzas escolarizadas en infantil, primaria ou secundaria e ofrecido polo Servizo de Prevención de Condutas Aditivas dos Concellos de Boqueixón, Teo e Touro.
A formación xirou en torno á xestión de conflitos, onde as persoas asistentes aprenderon trucos para resolver as tiranteces que xorden no día a día na familia. O poñente comezou definindo coas familias presentes o que é un conflito, defendendo que non sempre ten que ter unha carga negativa xa que o ser humano precisa do conflito para construír a súa identidade, sobre todo no caso dos máis novos.
Posteriormente, as familias traballaron a maneira de xestionar os intereses e necesidades da rapazada e dos pais e nais para así resolver os conflitos, apostando pola escoita activa, a empatía e a asertividade. A xornada mesmo incluíu unha serie de casos prácticos.