Un total de 34 afeccionados á fotografía procedentes de toda Galicia participaron este sábado na primeira quedada fotográfica “Coñece o concello de Boqueixón”, organizada por Fotowalk Galicia en colaboración co Concello boqueixonés.
O concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías, Gonzalo Redondo, foi o encargado de darlles a benvida antes de que o grupo realizara unha visita guiada á Ponte Ledesma. Unha ocasión na que aproveitou para instar aos presentes a participar nunha nova edición do concurso “Boqueixón en imaxes”, que premiará as mellores fotografías que recollan as paisaxes, festas e eventos que teñan lugar no municipio.
Durante a mañá, a expedición realizou unha visita guiada a Ponte Ledesma e aos viñedos de Donas, desfrutando dunha cata degustación no proxecto de enoturismo María Manuela. Tras xantar nun restaurante de Boqueixón, realizaron unha visita guiada ao Pico Sacro, que incluíu un obradoiro de edición de fotografía no Centro de Interpretación do Pico Sacro. Para rematar, os 34 asistentes desfrutaron dun dos “Tardeos no Pico”, cunha disco móbil e servizo de food-truck no monte ilicino ata ben avanzada a noite.


