
Os alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Vedra, Carlos Martínez; e Touro, Jesús Reboredo, presentaron esta mañá “25N: As túas palabras constrúen”, unha campaña impulsada de xeito conxunto a través da participación cidadá dos concellos de Boqueixón, Touro e Vedra. Un acto celebrado esta mañá na biblioteca municipal de Vedra no marco da xornada formativa “A cara B das violencias machistas”, na que participaron persoal do Centro de Información á Muller de Boqueixón e educadoras sociais e técnicas en igualdade dos tres municipios.
“25N: As túas palabras constrúen” é unha iniciativa conxunta de Boqueixón, Touro e Vedra que busca dar visibilidade ao rexeitamento á violencia machista a través da recollida de mensaxes de apoio e promover reflexión da veciñanza. Carlos Martínez destaca que se trata dunha iniciativa “froito do traballo dos tres municipios e que pon en valor a sensibilidade da poboación e o seu rexeitamento da violencia de xénero”.
Un punto no que incidiu Jesús Reboredo, quen salientou que “detrás de cada mensaxe presente na campaña hai unha persoa que se detivo a reflexionar sobre a situación E iso ten un gran valor porque se queremos conseguir unha sociedade máis igualitaria é necesario que a cidadanía reflexione e se implique”. Non en van, a violencia machista “é un problema de moi difícil resolución”, advertiu Ovidio Rodeiro, “pero dende os Concellos podemos estar moi preto das persoas”.
Xornada formativa
Tras a presentación da campaña do 25 de novembro, a biblioteca municipal de Vedra acolleu a xornada formativa “A cara B das violencias machistas”, impartida por Arabías e co financiamento da Deputación da Coruña. Unha xornada deseñada para afondar na abordaxe integral e estrutural das violencias machistas desde unha perspectiva de dereitos, analizando os debates actuais sobre os conceptos de vítima e supervivinte.
Entre os seus obxectivos, a xornada formativa buscaba nomear e visibilizar en plural as diferentes manifestacións e ámbitos das violencias machistas, superar os estereotipos de “perfil de vítima perfecta” e poñer en valor o potencial do concepto de supervivinte e fortalecer as redes de apoio e os espazos de reparación no noso territorio.
Como anfitrión e organizador do evento, o alcalde de Vedra destacou este foro como un espazo “para compartir coñecementos, intercambiar experiencias e sobre todo seguir avanzando xuntos na prevención e loita contra a violencia machista. Por iso é importante que dende a Administración saibamos escoitar sen xulgar, comprender sen prexuízos e ofrecer respostas adaptadas a cada situación”. Neste sentido, Carlos Martínez fixo fincapé en que “os concellos temos un papel fundamental. Somos a Administración máis próxima á cidadanía, coñecemos a realidade das nosas aldeas e esa proximidade nos permite detectar necesidades, facilitar o acceso aos recursos e axudar a construír contornas máis seguras e igualitarias”.
O alcalde de Boqueixón felicitou ao Concello de Vedra por esta iniciativa pois “a formación é fundamental para seguir traballando, tendo espazos de encontro nos que debater para ver as mellores estratexias a seguir”. Neste punto, Ovidio Rodeiro aproveitou para poñer en valor o traballo “dos profesionais que hai traballando nestas problemáticas nos tres concellos, a quen animamos a seguir formándose para afondar nesta problemática”.
Finalmente, o alcalde de Touro tamén destacou o traballo conxunto dos tres municipios nesta materia xa que “nos permite sumar esforzos, compartir recursos e chegar a máis xente porque a igualdade e a prevención da violencia machista non é algo que deba depender do tamaño do concello onde vivas”. Así, Jesús Reboredo apuntou que “a cooperación entre concellos é moi valiosa porque a nosa proximidade ao territorio nos permite desenvolver actuacións máis adaptadas ás necesidades das persoas”.



