
O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu esta mañá a undécima edición do Pleno Infantil, unha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais coincidindo coa recente conmemoración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 42 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e á concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde Leis, as súas reflexións sobre os dereitos dixitais da infancia.
Unhas reflexións que deron a coñecer en forma de debate plenario, con Daniela Pérez como alcaldesa e o resto dos nenos e nenas agrupados en catro partidos políticos: os amarelos, os morados, os laranxas e os verdes. Durante algo máis de media hora, cada partido fixo as súas propostas de cara a incluír nun Pacto polos dereitos da Infancia. Cada proposta foi debatida e votada polo “pleno municipal”, quedando algunhas no tinteiro como, por exemplo, a creación dun consello escolar.
Pacto
Finalmente, a “alcaldesa” Daniela Pérez deu lectura ao Pacto polos dereitos da infancia, aprobado por unanimidade e que inclúe seis puntos:
- Igualdade de oportunidades: defender que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades para aprender, medrar, xogar e desenrolar as súas capacidades, sen discriminación.
- Protección e seguridade: traballar para conseguir escolas, fogares, rúas e espazos dixitais seguros, onde ningún neno sufra violencia, acoso ou discriminación.
- Saúde e medio ambiente: promover hábitos saudables, unha alimentación adecuada, o deporte, o benestar emocional e o coidado do noso planeta.
- Educación e participación: defender unha educación de calidade para todos e garantir que os nenos poidan expresar as súas opinións e participar nas decisións que lles afectan.
- Compromiso de convivencia: fomentar o respecto, a solidariedade, a empatía, a igualdade e a resolución pacífica dos conflitos.
- O noso compromiso como alumnos: comprometémonos a respectar os dereitos dos noso compañeiros, axudar a quen o precise, coidar a nosa contorna e participar activamente para mellorar a nosa comunidade educativa.
Rogos e preguntas
Tras a presentación, o alcalde Ovidio Rodeiro abriu unha quenda de “rogos e preguntas”, para que a rapazada comentara as necesidades que vían no colexio e no municipio, en xeral. Así, o alcalde comprometeuse a volver a instalar unha árbore de Nadal no colexio para alumear este Nadal, así como a repetir a excursión gratuíta no verán ao Aquapark de Cerceda, feita por primeira vez o ano pasado.
Así mesmo, o alcalde comprometeu a colaboración do Concello de Boqueixón coa viaxe de fin de etapa, toda vez que os nenos e nenas advertiron que dende o colexio non colaborarán e que toda a organización quedou da man das familias. Neste sentido, o alcalde comprometeuse a facilitar un espazo na Feira de Lestedo para que poidan instalar un stand para vender material co que financiar a viaxe ao Norte de Portugal, así como a facilitar material para a venda.
Sobre o colexio, a rapazada debateu sobre cal dos dous chans das pistas deportivas é o máis acaído, sen chegaren a un acordo; e pediron ventiladores nas aulas durante o verán, a dotación de xogos tradicionais (zancos, aros…) e a habilitación dun trasteiro como zona de xogo. A nivel municipal, solicitaron varios pasos de peóns, a posta en marcha de cargadores públicos para vehículos eléctricos ou o acondicionamento de pistas para a práctica de mountain bike.
Esta undécima edición do Pleno Infantil foi organizada polo Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón, dentro das actividades dirixidas á infancia e á adolescencia propostas por Unicef Galicia, e contou coa colaboración do CPI Antonio Orza Couto.



