Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Formación e emprego

A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local 2027

24 de novembro de 2026

A Deputación da Coruña abre hoxe, martes 24 de novembro, o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) de 2027. Esta nova convocatoria do PEL conta cun orzamento inicial de 8,66 millóns de euros para que as pemes, as microempresas e as persoas autónomas dos concellos rurais da provincia poidan contratar persoal, manter postos de traballo, modernizar os seus negocios e facer fronte a gastos fixos. O prazo de solicitudes remata o 18 de decembro ás 14.00 horas e a tramitación realizarase exclusivamente a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

As catro liñas de subvencións do PEL son compatibles entre si. As empresas e as persoas autónomas que cumpran os requisitos de todas elas poderán recibir ata 48.900 euros. Para facilitar o acceso de novos negocios ao programa, a Deputación mantén o criterio de dar maior puntuación ás empresas que non recibiron axudas do PEL en edicións anteriores. Hai 4 liñas de subvención:

  1. A liña PEL-Pemes para Creación e Ampliación de postos de traballo conta con 3,5 millóns de euros para apoiar as novas contratacións de pemes, microempresas e persoas autónomas en concellos de menos de 20.000 habitantes. As axudas cubrirán ata o 60% dos custos salariais e de Seguridade Social, cun máximo de 12.000 euros por contrato a xornada completa.
  2. A través de PEL-Pemes Mantemento, destínanse outros 1,2 millóns de euros a dar continuidade aos contratos indefinidos formalizados ao abeiro das axudas PEL-Pemes deste 2026. A contía máxima será de 10.000 euros por posto de traballo e poderá chegar aos 11.000 euros no caso das persoas pertencentes aos colectivos vulnerables recollidos nas bases.
  3. A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2,76 millóns de euros, diríxese ás pemes, microempresas e persoas autónomas dos concellos de menos de 10.000 habitantes. As axudas financiarán ata o 70 % do investimento na compra de maquinaria, mobiliario, aplicacións e equipos informáticos directamente vinculados á actividade do negocio, cun máximo de 17.500 euros por persoa ou entidade beneficiaria.
  4. A liña PEL-Autónomos/as conta con 1,2 millóns de euros para axudar ás persoas autónomas dos concellos de menos de 10.000 habitantes a sufragar as cotas á Seguridade Social e o alugueiro de oficinas, locais comerciais e centros de traballo. O apoio ao alugueiro, incorporado este 2026, mantense nesta convocatoria cun máximo subvencionable de 500 euros ao mes. A axuda anual poderá alcanzar os 8.400 euros.

O persoal técnico do Plan de Emprego Local ofrecerá o venres 27 de novembro, ás 10.00 horas, unha sesión informativa para explicar os requisitos de cada liña e resolver dúbidas sobre a presentación das solicitudes. As persoas interesadas poden inscribirse na web de Emprego da Deputación. As bases reguladoras do programa publicáronse no Boletín Oficial da Provincia número 224, do 23 de novembro de 2026.

Compartir
WhatsApp Facebook Correo