
Nesta igrexa de planta de salón podemos falar de xustaposición de estilos: mentres o exterior mantén características barrocas, o interior segue pautas historicistas, consecuencia das sucesivas reformas sufridas durante os dous últimos séculos. As primeiras noticias recollidas nos libros parroquiais desta parroquia datan da segunda metade do século XVIII. Desta época do último barroco correspóndense a fachada e espadana que aínda se conservan. O interior mantén o arco triunfal de acceso á capela maior, obra do primeiro cuarto do século XIX, mentres o púlpito é xa de datas máis recentes (1919).
· Retablos: Retablo Maior, Retablo do Santo Cristo e Retablo da Concepción.
· Imaxinaría: Cristo Crucificado, San Roque, San Lourenzo, Sagrado Corazón de Xesús, Anxo Custodio, Virxe con neno, San Antonio de Padua, Inmaculada Concepción e María Magdalena
