Concello deBoqueixón
Contacto

Instalar a app

Igrexa

Igrexa Parroquial de Santa María de Lestedo

Todo o patrimonio
 
 

 

No lugar de Rubial estaba a antiga igrexa parroquial. Tratábase dun templo de reducidas dimensións de estilo románico que, debido ao seu estado e necesidade de reconstrución, levou á decisión de construír un novo a principios do século pasado. O 2 de xuño de 1915 comenzan as obras seguindo con rigor os planos trazados polo arquitecto compostelán Jesús López de Rego. Este edificio, con planta de cruz latina e grandes vidreiras, encádrase dentro do estilo neogótico, caracterizado por un retorno a modelos ideais do pasado buscando a perfección construtiva, conxugando a pedra e o cristal. Destaca deste templo a súa acusada verticalidade e elevada altura así como o emprego de contrafortes, arcos apuntados, elevados piares, bóvedas de cruzaría e a torre na súa fachada como elementos construtivos.
Sinalar que a torre rematouse de construír en 1990, despois de máis de 5 décadas de abandono das obras. Así mesmo, en 2005, inauguráronse as novas vidreiras de cores, con imaxinaría relixiosa e relacionada coa parroquia, que substituíron aos antigos cristais brancos.
· Retablos: Retablo Maior, Retablo da Nosa Señora do Carme e o Retablo de San Roque.
· Imaxinaría: Asunción de María, Sagrado Corazón de Xesús, San Blas, San Xosé, San Xoán Bautista, San Antonio de Padua, San Pedro Nolasco, Nosa Señora da Merced, San Ramón Nonato, San Serapio, Inmaculada Concepción, Cristo Crucificado, Nosa Señora do Carme, Cristo atado á columna, Nosa Señora das Dores, San Roque e o Anxo custodio.

Algunha das vidreiras da igrexa parroquial de Lestedo, que foron inauguradas en 2005

Parroquia de Lestedo