
O Pico Sacro sitúase no Concello de Boqueixón, entre as parroquias de Lestedo e A Granxa.
Ten unha altitude de 530 metros sobre o nivel do mar, o que permite unha das vistas panorámicas de maior extensión de Galicia.
O Pico Sacro ou “Monte Sagrado”, é posiblemente o lugar de Galicia que concentra tantas historias reais coma mitolóxicas e lendarias, sendo unha das montañas máis míticas e coñecidas de Galicia. Airoso e dominante sobre os vales do curso medio do Río Ulla, fonte de innumerables lendas e contos populares, este monte foi venerado polos habitantes da comarca antes e despois do cristianismo, cumprindo un papel esencial no mito do traslado do corpo do Apóstolo Santiago.
